Monday 29 de April de 2024

Arrinca unha nova campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro en 200 establecementos hostaleiros


A canle Horeca (hostalaría, restauración e cátering) xera a metade dos residuos de envases de vidro dun só uso

O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro en 200 establecementos hostaleiros. A través de visitas personalizadas, lembrarase aos establecementos a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da ordenanza municipal vixente.

A hostalería xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso, polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro na localidade e a consecución de obxectivos de reciclaxe. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático, e para a saúde do concello.
A partires de mañá mércores, e durante as próximas semanas, o equipo de educadores ambientais realizará enquisas e entrevistas aos 200 hostaleiros/as para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrecerán información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro.

Coa finalidade de facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (hostalaría, restauración e cátering), entregaranse, sen custo para o sector hostaleiro, caldeiros adaptados para facilitar o transporte dos residuos de vidro.

Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo para reforzar o coñecemento da normativa actual en materia de reciclaxe de envases de vidro. Na campaña realizada no ano 2019 na hostalaría carballesa participaron uns 190 establecementos, entre os que había unha alta taxa de recicladores que acadaba o 93%.

Beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais.

A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, a reciclaxe de envases de vidro é unha actividade apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, concretamente, redunda sobre os obxectivos (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima.